O proxecto
O noso centro leva participando en proxectos europeos de cooperación internacional desde hai varios anos, pois consideramos que son unha ferramenta moi importante para a transferencia de coñecementos entre os países participantes e dan valor engadido ao Instituto como centro educativo, ademais de ampliar a perspectiva de cidadanía europea do noso alumnado, mellorando as súas posibilidades laborais e de formación posterior.
Observamos que os últimos estudos en pedagoxía oriéntanse ao uso de novas metodoloxías educativas baseadas en integrar as emocións na docencia e en pór en valor as intelixencias múltiples para integrar e motivar ao alumnado en risco de fracaso escolar. Aspiramos a mellorar os nosos coñecementos e aplicar estas metodoloxías educativas activas, e especialmente, a observar o deseño de actividades prácticas innovadoras e atractivas para as materias STEAM e mediante proxectos interdisciplinares involucrar ao máximo número de materias. Pretendemos deste xeito incrementar a motivación do alumnado en xeral e moi especialmente ao alumnado en risco de fracaso escolar, aumentando o seu interese, motivación e participación, animándoos así a continuar a súa formación académica.
O profesorado implicado nas mobilidades deberá ter un compromiso para participar en proxectos europeos, a disposición a favor de traballar por proxectos interdisciplinares, o interese polo coñecemento de novas metodoloxías educativas e a súa disposición a implementarlas no centro.
Priorizarase ao profesorado de materias STEAM e profesorado de linguas estranxeiras que pretendan implementar estas estratexias na aula. As actividades propostas son de formación estruturada e de aprendizaxe por observación. Con elas preténdese que os participantes aprendan novas metodoloxías pedagóxicas baseadas nas emocións, na valoración das intelixencias múltiples, o coaching e a aprendizaxe baseada en proxectos.
Permitirannos observar como se aplican na aula actividades prácticas innovadoras nas materias STEAM, orientadas a mellorar o pensamento crítico, a aprender a xestionar as emocións, a valorar a importancia da educación interdisciplinar para unha aprendizaxe global e de crear unha contorna divertida para a aprendizaxe das materias STEAM baseado en proxectos e en xogos.
Con isto espérase unha maior motivación do alumnado, unha mellora dos resultados académicos e unha redución dos casos de fracaso escolar. Espérase tamén mellorar o ambiente na aula e entre o alumnado. Ademais permitirannos observar e aprender doutras escolas europeas que están a traballar deste xeito.
Dado que a lingua vehicular nas actividades de formación será o inglés, conseguirase unha mellora nas competencias lingüísticas do profesorado participante que redunde nas metodoloxías CLIL que xa se están implementando no centro.
Os programas Erasmus supoñen un enorme beneficio para o centro educativo ao permitir ampliar os horizontes da comunidade escolar mediante a observación doutras realidades educativas europeas. Supoñen ademais un proxecto ilusionante para o alumnado e profesorado participante, o que sempre significa unha maior implicación na comunidade escolar. Estamos convencidos de que estas experiencias contribúen a afianzar a idea da unidade europea, promovendo a internacionalización da escola, converténdose ademais en referente a nivel local e para otras escolas.